A COLUMNA INVISIBLE
En catro liñas
COLUMNA:
—1 Arquitectura. Elemento xeralmente de forma cilíndrica, con moita máis altura ca diámetro, composto de base, fuste e chapitel, sobre o que se apoia o teito ou outras partes do edificio, aínda que ás veces se emprega só como adorno.
—2 Física. Forma máis ou menos alongada que adoptan os fluídos na súa subida.
—3 Xeometría. Conxunto de cousas dispostas en vertical, unha enriba doutra.
—4 Xornalismo. Cada unha das divisións verticais da páxina impresa dun periódico ou libro.
—5 Opinión. Sección fixa dun comentarista nun xornal.
—6 Milicia. Conxunto de soldados ou forzas militares dispostos en liña, uns detrás doutros.
—7 Anatomía. Conxunto das vértebras dispostas en fila e articuladas entre si, que forma o eixe do esqueleto dos animais vertebrados.
INVISIBLE:
—1 Que non pode ser visto.
—2 Sociedade. Profesional do xénero feminino que supera os 50 anos.
A COLUMNA INVISIBLE:
Espazo libre de opinión e/ou creación literaria en lingua galega no universo web da escritora e xornalista Elena Gallego Abad.
Superado o medio século, chegou o tempo de abrir unha fenda no baleiro da incomunicación social. Esta COLUMNA INVISIBLE configúrase coma un espazo de creación e opinión en galego, un universo disperso en perigo de extinción.
