A festa dos manequíns

Elena Gallego Abad

Decepción.

A realidade supera á ficción.

A utopía non é máis ca iso, unha utopía, andrómenas para crédulos.

A “xustiza universal” é unha expresión baleira. Vives mergullado no embuste, traballando para salvar un mundo ao que non lle importas.

Ti es absolutamente prescindible, só cumpre o teu número de conta. Asina aquí: hipoteca a corenta anos por quereres invadir a terra prometida.

Apago a televisión e decido pecharme na biblioteca, fronte a esta outra pantalla, buscando unha escapadela fronte á inxustiza.

Sei que non a hei de atopar deste xeito, pero desafogo.

Resoa na miña cabeza a música dos Golpes Bajos, aquel grupo vigués que pasou a formar parte da banda sonora da miña xeración.

“Rígidos los cuerpos
los maniquíes bailan.
Con el rojo de sus labios
y el brillar de su cabello.

Miradas de cristal
bajo el saxo envueltas.
Perfecciones en los rizos
sus gargantas secas.

Fiesta de los maniquíes,
no los toques, por favor…”

Así é como me sinto hoxe fronte á realidade dos asasinos intocables, como os manequíns da foto.
Non hai solución posible se a ninguén lle importa.
Alguén asubía unha música case esquecida. Lémbrala?

Festa dos manequíns, non os toques, por favor…

© Elena Gallego Abad

Por Elena Gallego Abad 11 de abril de 2022
Superado o medio século, chegou o tempo de abrir unha fenda no baleiro da incomunicación social. A COLUMNA INVISIBLE configúrase coma un espazo persoal de creación e opinión en galego, un universo disperso en perigo de extinción.
Más entradas